O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración coa Alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, co fin de reforzar con 20.000€ o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) neste municipio da Mariña. Á sinatura tamén asistiu a tenente de alcaldesa, Carmen Veiga, quen é a concelleira responsable da área de Servizos Sociais barreirense.
Tomé Roca explica que esta contía que investirá a institución provincial será destinada á adquisición de novo material co obxectivo de prestar un servizo de maior calidade e facilitar a atención aos usuarios e usuarias. En concreto, mercarase material ortoprotésico novo que será destinado na súa maioría para os usuarios e usuarias do servizo (andadores, muletas e cadeiras de rodas), que o Concello xestiona a través dun sistema de préstamo, evitando así que as familias teñan que afrontar gastos sobrevidos.
Así mesmo, estes fondos tamén se destinarán á renovación do material ofimático para conseguir unha máis áxil prestación dos distintos servizos demandados (tramitación de expedientes e solicitudes) que a día de hoxe todos son a través de medios electrónicos coas distintas administracións e os aparatos existentes están obsoletos e provocan atrasos na atención á cidadanía.
No Concello de Barreiros o SAF presta atención a día de hoxe a 67 persoas, non existindo listaxe de agarda. En total traballan 22 auxiliares, prestando o servizo de luns a domingo, os festivos. Este compromiso da institución provincial radica en que cada vez os “concellos teñen a poboación máis envellecida e temos que garantir unha atención pública de calidade para os nosos maiores En concreto neste caso, en Barreiros, máis do 32% da poboación ten máis de 65 anos e a tendencia é que esa porcentaxe vaia a máis, polo que é preciso reforzar o SAF para que os coidados que reciban sexan os mellores posibles”, subliña o Presidente.