A Deputación remata o primeiro centro público de recría de España

A Deputación de Lugo rematou as obras de construción do primeiro centro público de recría de gando vacún de España, unhas instalacións situadas na Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, que con capacidade para 3.000 reses, suporán unha importante inxección económica e de emprego para a provincia, pois ao seu redor moveranse máis de 4 millóns de euros ao ano, ademais de crear inicialmente uns 20 postos de traballo directos.

Gómez Besteiro, xunto á Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez e outros deputados, inaugurou este martes o centro de recría, un acto no que unhas 150 persoas, entre autoridades municipais e representantes dunha vintena de cooperativas e organizacións agrarias e da universidade, coñeceron estas dependencias.

Unha vez terminadas as obras, a Deputación espera que o Concello de Castro de Rei conceda o antes posible a licenza de apertura, solicitada a primeiros de febreiro, hai dous meses.

En torno ao centro moveranse máis de 4 millóns de euros ao ano, entre o valor no mercado dos animais recriados e a contratación dos bens e subministros necesarios para o funcionamento do complexo, como os pensos e os forraxes, servizos veterinarios, man de obra para o seu coidado, transporte, maquinaria e servizos para o mantemento das naves, casetas, cornadizas, bebedoiros, camas ou silos.

O Presidente destacou tamén que, facendo a recría no centro de Gayoso Castro, as explotacións lucenses serán máis produtivas e rendibles, pois os animais acadan un alto valor produtivo e xenético e os gandeiros teñen máis tempo e recursos para dedicarllos ás vacas, aforran na compra de forraxe, reducen a contaminación ambiental e baixan tamén a carga gandeira, o que pode darlles acceso a novas axudas públicas.

O centro será un modelo na xestión dos animais, pero tamén na dos residuos, pois unha planta de biogás transformará en enerxía o 100% dos residuos xerados polos animais e converterá as instalacións en autosuficientes.

A planta de biogás integrada no centro proporcionará 300Kw de enerxía co tratamento de 32.000 metros cúbicos de xurros, estercos e residuos vexetais, o que permitirá que as instalacións non só sexan autosuficientes, senón que tamén produzan excedentes de enerxía. Quedarán libres 2.000 megavatios eléctricos anuais, o suficiente para abastecer 250 vivendas e aforrar 200.000 euros de luz ao ano, así como outros 1.700 megavatios térmicos, o equivalente a 100.000 euros de auga quente ou calefacción.

Ademais do aforro de custes, a planta de biogás ten outras vantaxes, pois incrementará o valor agronómico dos xurros e do esterco ao transformalos en dixestato, o que mellora a súa capacidade fertilizante e evitará a emisión a atmosfera de 400 toneladas de CO2 anuais, o equivalente ao consumo anual de 235 automóbiles.

As obras desenvolvéronse en dúas fases, dotadas con 6 millóns de euros de orzamento cada unha, entre xullo do 2011 e marzo de 2015. As xatas entrarán no centro con 15 días de idade e sairán preñadas un mes antes do parto, é dicir a recría leva 23 meses, dous menos que se se fixera nunha gandería convencional, o que supón unha vantaxe para o produtor, que pode poñer a producir o animal antes.

Gómez Besteiro:

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com