O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, supervisaron as obras de mellora da estrada LU-P-6506, no Concello de Vilalba, que financiou o Executivo Provincial cunha achega de 100.500 euros. Estes fondos permitiron renovar o firme da vía con aglomerado en quente nun treito de 3,4 quilómetros. Trátase da estrada que vai da Ponte de Saa (Nacional‐634), por Ladra, á Parrocha (LU‐103).
Campos Conde subliñou que “con estes traballos completamos a renovación do firme desta estrada, que queda totalmente rehabilitada. Trátase dunha vía de comunicación moi importante para os veciños de Vilalba, concretamente para os máis de 400 veciños de Insua e Ladra, pois comunica estas dúas parroquias coa estrada que vai á capitalidade da provincia, sendo unha vía moi transitada”.
Na parroquia de Ladra, composta por 7 núcleos rurais, viven uns140 veciños; mentres que na parroquia de Insua, formada por 10 núcleos, son uns 280 habitantes os que fan uso desta estrada para efectuar os seus desprazamentos. Con estes traballos, o Executivo da Deputación atendeu ás súas demandas, pois o arranxo da vía era unha petición expresa dos veciños.
Os traballos, consistentes na limpeza de cunetas, renovación do firme con aglomerado en quente, e mellora da seguridade vial co incremento da sinalización horizontal e vertical, leváronse a cabo do punto quilométrico 2,7 ao 6,1.