A Deputación renova convenio con Cogami e Fadas

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, mantivo un encontro este xoves no Pazo de San Marcos con representantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e da Federación de Asociacións do Ámbito Social de Lugo (FADAS), Ramón Sestayo e Gerardo Castedo, respectivamente, reunións durante as que asinaron os convenios reguladores de dúas subvencións nominativas da institución provincial para estes colectivos cun importe total de 40.000€.

Tomé Roca puxo en valor o labor que desempeñan estas organizacións, que “traballan a prol da igualdade e loitan por conseguir a plena inclusión social das persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión social. COGAMI e FADAS son bos exemplos de integración e colaboramos con estes colectivos porque cremos que a mellor forma de ter un sistema de protección social forte na provincia é traballando da man do tecido asociativo”.

O Presidente renovou a achega económica que mantén a institución provincial con ambos colectivos sociais, asinando unha subvención nominativa de 30.000€ para colaborar cos gastos de funcionamento do Centro Diúrno de Atención Terapéutica de COGAMI e outra por 10.000€ para colaborar co servizo de coordinación das entidades de FADAS.

Este encontro súmase á rolda de contactos que está a manter o Presidente con diferentes representantes de colectivos sociais e municipais, logo da súa chegada á institución. Nesta liña, coñeceu, de primeira man, as necesidades e demandas de ambas asociacións, renovando así o compromiso que mantén o organismo provincial con COGAMI e FADAS.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com