Deputados e deputadas da Deputación de Lugo xunto con traballadores da institución provincial e veciños e veciñas da provincia sumáronse este mércores á convocatoria de cinco minutos de silencio realizada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Esta concentración silenciosa realizouse na Praza de San Marcos co obxectivo de amosar o rexeitamento da institución á invasión deste país e ao sufrimento, a dor e a destrución que está ocasionado, así como o ao éxodo forzado de milleiros de persoas.
A Deputación de Lugo aprobou onte unha declaración institucional en condena á agresión que está cometendo Rusia contra Ucraína. Foi acordada de xeito unánime por PSdeG, BNG e PPdeG censurando a invasión de Ucraína por parte das tropas rusas, ademais de expresar a total solidariedade da institución provincial co pobo ucraíno, reclamar o alto ao fogo inmediato e a volta á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas e alcanzar acordos de paz, e ratificar a plena dispoñibilidade da institución provincial de axudar a paliar a crise humanitaria a través das vías establecidas polo Goberno de España.