A Deputación de Lugo informa de que dende a mañá deste xoves quedaron suspendidas tanto as visitas como as saídas nos centros de atención a maiores de titularidade provincial de Ribadeo e Trabada como medida preventiva ante o rebrote de Covid-19 xurdido onte na comarca da Mariña.
Tamén por prevención, os centros de Pol e da Fonsagrada retroceden á fase 1 da desescalada, o que implica restricións de acceso ás residencias de persoal alleo aos centros e medidas de seguridade máis estritas.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, subliña que “estas medidas foron adoptadas logo da valoración do novo escenario xurdido na comarca da Mariña a raíz dun rebrote de Covid-19 no concello de Xove”. “Cremos que debe primar a prudencia e a anticipación sempre que estea ao noso alcance, por iso tomamos esta decisión para minimizar o risco de contaxio e protexer ós nosos maiores”, explicou.
O Deputado subliña que “a mellor pauta que se pode seguir para facerlle fronte ao virus neste momento é a distancia social, non podemos poñer en risco aos nosos maiores e é preferible prohibir e limitar o acceso agora que máis tarde ter que lamentar consecuencias maiores”. Engade que é “fundamental protexer aos usuarios e usuarias das residencias, xa que son as máis vulnerables xunto ás que padecen patoloxías previas fronte a esta pandemia do coronavirus Covid-19”.
Pola súa banda, Rivera Capón incide en que cada centro irá evolucionando segundo as circunstancias sanitarias da zona no que se atopa ubicado, respectando en todo momento as decisións adoptadas polas autoridades sanitarias. “Estamos mantendo contactos de maneira diaria con Sanidade para aplicar os protocolos axeitados e así o seguiremos facendo”, sostén o Deputado.
A Deputación continúa aplicando nas residencias e no conxunto de edificios da súa titularidade un reforzo engadido do servizo de limpeza, prestando especial atención ás zonas de acceso e saída dos sectores de illamento, escaleiras, portas, ascensores, zonas de deambulación, entre outras, para reducir o risco de transmisión do coronavirus.
Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales coma reconocerte cando volves á nosa web ou axudar ó noso equipo a comprender qué seccións da web atopas máis interesantes e útiles.