Unha paciente do Hospital da Mariña denuncia que a dirección do centro médico estalle a negar unha derivación ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) para someterse a unha intervención cirúrxica de ombreiro que non se realiza no Hospital da Mariña. Tras denunciar a situación ante a Valedora do Pobo, a
dirección médica accede a recibila, máis na reunión , lonxe de solucionar a súa situación, “atópome fronte a unha barreira insalvable que non fai máis que intensificar a miña desesperación e indignación”, comentou a paciente.
A súa odisea comezou en xuño de 2017, cando lle diagnostican unha tendinopatía no ombreiro dereito, máis noutra consulta posterior confírmase un novo diagnóstico, rotura completa do tendón do músculo supraespinoso. Seis meses despois deste diagnóstico, e de sufrir continuamente dor e dificultade para o movemento, é operada por artroscopia. A muller non quedou ben desta intervención e é sometida a unha segunda intervención en xaneiro de 2019. Despois da segunda intervención e de seguir un tratamento rehabilitador é dada de alta, dinlle que non se pode facer nada máis e que ten que convivir coa dor.
Ante as expectativas tan negativas que lle dan no hospital a paciente vese na obriga de acudir a unha consulta privada, onde é informada que existe a posibilidade de someterse a unha intervención cirúrxica de reconstrucción da cápsula articular anterior, e que esta intervención realízase nos hospitais da rede pública de A Coruña ou Santiago. Con esta información acude de novo á sua consulta de traumatoloxía do hospital da Mariña, pero o único que lle ofertan é a colocación dunha prótese no HULA, xa que en Lugo non se realiza a intervención que sería recomendable.
Agravio comparativo respecto a pacientes das capitais
Ante esta resposta, logo de que a inspección médica corroborase que debía ser derivada a Santiago ou A Coruña,a muller pon dúas reclamacións en Atención ao Paciente que caen en “saco roto”, e mesmo solicita ser recibida pola Xerencia do hospital, obtendo o silencio como resposta. É despois de presentar a denuncia ante a Valedora do Pobo cando a dirección do centro decide recibila, mais “somentres atopei actitudes agresivas e á defensiva que en lugar de aliviar a miña angustia, multiplican a miña desesperación é indignación”, manifesta a muller.
Desde a Plataforma Sanitaria esixen á dirección do centro que demostre con feitos que realmente a asistencia sanitaria do SERGAS é continuista, facilitando á paciente a posibilidade de equipararse a calquera outro paciente que resida na Coruña ou Santiago. “A casos coma este nos referimos cando afirmamos que estamos a ser tratados como pacientes de segunda clase e non é a primeira vez que ocurre, nin será a última”, relatan desde o colectivo sanitario.
Do mesmo xeito, os activistas sanitarios afirman que as Xerencias dos centros públicos deberían ser transmisoras de solucións e empáticas co sufrimento das persoas, garantindo , no contexto da mellor atención posible, o acceso ás técnicas máis avanzadas e máis axeitadas a cada caso, ofertándollas ao paciente independentemente do lugar onde vivan.