A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitaron esta mañá as obras de rehabilitación que están a realizarse na Casa Pasarin en A Fonsagrada para a súa conversión en centro de atención e albergue de peregrinos.
A Casa Pasarín sitúase en plena zona vella de A Fonsagrada, no propio Camiño Primitivo que conduce a Santiago de Compostela. Tamén coñecida como Palacio de Pena María, esta edificación forma parte do patrimonio cultural da vila e está composta por planta baixa, piso, e fallado contando cunha superficie de 744 metros construídos e 500 útiles. Durante a visita, a directora de Turismo de Galicia sinalou que grazas a esta intervención, que leva consigo unha inversión de preto de 530.000 euros, cumprirase un triple obxectivo: preservar e recuperar o patrimonio, dar solución as necesidades dos peregrinos ao seu paso por A Fonsagrada e contribuír a dinamizar a economía da vila.
Así mesmo, Nava Castro destacou que con este novo albergue, situado nun dos puntos estratéxicos do Camiño Primitivo, a Rede Pública de Albergues enriquecerá a súa oferta, e esta Ruta Xacobea reforzará a súa infraestrutura mellorando a súa acollida de peregrinos.
A responsable de Turismo da Xunta asegurou que o feito de ter unha rede perfectamente estruturada e habilitada para a acollida aos camiñantes resulta fundamental. “A dotación destas prazas de aloxamento, así como o feito de contar con prazas adaptadas a persoas con diversidade funcional fai da infraestrutura de aloxamento galega unha rede digna dun Patrimonio Mundial”, afirmou.
Neste senso, a directora de Turismo de Galicia destacou que, a Xunta realiza grandes esforzos en conservar e protexer esta Rede de albergues pública con labores continuas de mantemento, reparación e mellora. Tamén destacou que, no 2015 escolleron o Camiño Primitivo para chegar a Santiago un total de 11.473 peregrinos. Neste ano, xa son 74 os peregrinos que chegaron a Compostela por este itinerario.