A DXT pon en marcha a Operación Especial 1º de Agosto

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, avanzou hoxe que durante a tarde de hoxe venres 28 de xullo, dende as 15:00, e ata as 24:00 horas do martes 1 de agosto, producirase un importante movemento de vehículos por todas as estradas da xeografía nacional motivado polo comezo do mes vacacional de agosto, o máis importante en canto a movementos de vehículos do verán.

Para salvagardar a seguridade dos usuarios da vía, a Dirección Xeral de Tráfico pon en marcha a Operación Especial “1º de agosto 2023”. O operativo conta coa total dispoñibilidade dos medios, tanto humanos como técnicos, incluíndo radares fixos e móbiles de control de velocidade, cámaras e furgonetas camufladas para controlar o uso de móbil e do cinto de seguridade dos que dispón a DXT.

Na provincia de Lugo prevense polo menos 126.000 desprazamentos, dos 947.000 estimados para todo o mes de agosto

En agosto de 2022 producíronse na provincia 37 sinistros con vítimas, dos cales 1 foi mortal e 3 con feridos hospitalizados.

A subdelegada chamou a atención sobre os desprazamentos relativamente curtos ou por estradas coñecidas e lembrar que o alcol e o móbil sempre son pésimos socios cando se trata de conducir, aínda que sexa á aldea de á beira. Aínda que o fundamental é o compromiso de todos e cada un dos usuarios da vía, reforzaranse os controis para detectar e impedir estas condutas.

Salvagardar a seguridade na estrada

Desde a Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo chámase especialmente a atención sobre:

Desprazamentos curtos: non se pode baixar a garda. As distraccións e o alcol matan mesmo ao virar a esquina.

Peóns  e ciclistas: o ano pasado houbo na provincia 4 atropelos con feridos, 2 graves, e 8 sinistros con ciclistas feridos. A estrada é de todos: imos atopar peóns e ciclistas e o respecto é o primeiro. Mesmo no verán: chaleco reflector.

Alcol: está a detectarse un aumento deste factor. Hai que evitar por todos os medios conducir se se tomaron bebidas alcohólicas.

Cansazo: parece mentira pero no verán tamén hai bastantes accidentes con vítimas por cansazo, algúns asociados ao alcol.

A DXT recomenda sempre revisar e poñer a punto o vehículo e antes de iniciar a viaxe, planificalo polo roteiro máis seguro para evitar imprevistos e informarse do estado das estradas. E non baixar a garda nos desprazamentos curtos, no lugar destino ou preto de casa, se aínda non nos fomos de vacacións ou xa volvemos.

Desde as contas de Twitter @informacionDGT e @DGTes ou os boletíns informativos en radio e televisión, así como no teléfono 011, infórmase da situación do tráfico en tempo real e das incidencias que poidan existir. Todo o dispositivo establecido, así como consellos pódese consultar en dgt.es (estado do tráfico/recomendacións de tráfico/operacións especiais).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com