A DXT reanudará os exames a partir desta semana e de forma progresiva

Seguindo o protocolo establecido pola Dirección Xeral de Tráfico para a reactivación dos exames, este xoves 28 realizarase na Xefatura Provincial o primeiro exame teórico despois da declaración do estado de alarma, neste caso para recuperar o permiso despois da súa perda de vixencia. Ao día seguinte retomaranse o resto de probas teóricas no centro de exame da Xefatura, ao que seguirán a próxima semana os centros de Foz e Monforte.

Está previsto que as probas en circuíto pechado se renoven durante a semana que vén (día 2 en Foz, 4 en Lugo e 5 en Monforte) e as de circulación a partir do luns 8. Neste caso retomaranse en Foz, pois os exames previstos nese centro para o luns 16 de marzo foron os primeiros que houbo que suspender ao declararse o estado de alarma. Xa se transmitiron ás autoescolas as instrucións necesarias para a presentación de solicitudes, nas que se aposta pola tramitación telemática tanto para evitar desprazamentos innecesarios e minimizar os riscos como para axilizar o servizo.

Desde a Xefatura Provincial de Tráfico lémbrase a importancia do uso de luvas e máscara en todas as probas e espazos establecidos na normativa sanitaria, de utilizar o xel hidroalcohólico cando se indique e de manter a distancia interpersoal. Para iso, é moi importante que se utilicen para a espera as zonas indicadas, gardando no posible unha distancia mínima de 2 metros coas demais persoas presentes. Polo mesmo motivo, non estará permitida a presenza de persoas que non teñan unha relación directa coa realización das probas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com