A Escola Politécnica Superior acolle un workshop sobre xestión e computación xeoespacial, que será retransmitido para outros campus de Galicia

O vindeiro 2 de febreiro á partires das 10:30 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, e grazas á colaboración do Laboratorio do Territorio, no que se enmarca o Máster Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio (masterra), terá lugar unha nova reunión de traballo sobre xestión e computación xeoespacial, baseada na obtención de datos que ofrece a tecnoloxía LiDAR. Deste xeito, no workshop, distintos grupos de investigación e expertos na materia, de recoñecido prestixio no eido da ordenación territorial -como é caso do doutor en Xeografía Juan Suárez, quen na actualidade desenvolve a súa carreira profesional en Edimburgo-, exporán os resultados obtidos a través desta técnica innovadora, así como a aplicación práctica para unha adecuada e eficaz xestión territorial.

Así, os especialistas, tal e como se pode consultar na ligazón: http://tlix.udc.es/gl/workshops, explicarán as propiedades deste sistema activo de teledetección, que permite determinar a distancia dende un emisor láser pulsado, e que está a ser empregado no campo da xeoloxía, da sismoloxía ou da física da atmosfera. Esta técnica diferénciase do radar, entre outros aspectos, en que a detección é moito máis rápida, e permite obter datos sobre a extracción da cota do solo, de edificios, de árbores e masas forestais. Tal é así que está a ser empregada, por exemplo, na loita contra os luns, pois a dispoñibilidade dun modelo preciso do tipo de combustible presente en cada punto do terreo, permite unha predición con exactitude e así, tomar decisións sobre as técnicas de ataque a empregar para combatelos. Por outra banda, tamén posibilita obter modelos de estruturas topográficas con detalle. É o caso das cuncas fluviais, dos procesos físicos e químicos da superficie terrestre, da interferencia de axentes atmosféricos, dos procesos de erosión do terreo para a avaliación dos glaciares, da análise do cambio costeiro, do movemento de placas tectónicas, das erupcións volcánicas ou dos deslizamentos da terra.

Dada importancia do encontro para a comunidade educativa e a actividade empresarial, as distintas ponencias serán retransmitidas por videoconferencia. Deste modo, estas poderanse seguir dende  o Salón de Actos do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información) da Universidade de Santiago de Compostela e dende o Salón de Graos da Facultade de Informática do Campus de A Coruña. O encontro, cuxa entrada é libe e de balde, rematará sobre as 12:00 horas, e está destinado a estudantes, docentes e a técnicos de administracións públicas ou empresas privadas, vinculados coa captura e procesado de datos procedentes de sensores remotos e coa xeración de cartografía.

Este encontro, ao igual que o Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, encádrase nas múltiples actividades formativas que organiza o Laboratorio do Territorio da Escola Politécnica de Lugo. Precisamente, nestes momentos continúa aberto o segundo prazo para inscribirse na VI edición do masterra. O prazo para formalizar as instancias rematará o vindeiro día 2 de febreiro. Estas poden cursarse no edificio administrativo do Campus lucense ou a través da páxina oficial da Universidade.

Esta actividade formativa é pioneira a nivel nacional, pois de todas as universidades españolas tan só a Escola lucense ofrece esta disciplina. Orientada a un perfil académico do investigador, está especializada na optimización da extensa riqueza territorial galega, lucense e española, abarcando, deste xeito, a xestión do territorio dende o eido agroforestal, paisaxístico, natural, ambiental e social.

A modalidade telepresencial é outro dos aspectos que fan que esta sexa unha iniciativa única no ámbito universitario español. A través deste sistema, a Politécnica ofrece a posibilidade de que alumnos estranxeiros e doutras universidades completen o curso mediante videoconferencias simultáneas ao desenvolvemento da actividade lectiva nas aulas. Dispón de 60 créditos, e 11 prazas libres. O  Máster conta coa colaboración de entidades públicas e privadas, tales como a Deputación de Lugo ou a Fundación Juana de Vega, entre outras.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com