A vicepresidenta da Deputación de Lugo achegouse esta mañá á Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón para entregar unha selección de catálogos de fotografía e arte para uso académico.
Trátase de publicacións realizadas polo Servizo de Publicacións a partir da actividade expositiva e investigadora do Museo de Lugo e doutros títulos sobre artistas lucenses e galegos, editadas coa colaboración da área de Cultura, que ampliarán os fondos da biblioteca do centro lucense, no que se imparte formación en fotografía, deseño gráfico, gravado, serigrafía, cerámica artística e deseño de interiores.
Entre outros, os catálogos das exposicións das diferentes edicións do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea e publicacións de temática fotográfica e artística como O feitizo de Maruja Roca (Neves Neira e Eutropio Rodríguez), que reúne o patrimonio fotográfico dunha das poucas mulleres que se dedicou á fotografía na posguerra en Galiza; Os rostros do frío (Xulio Pardo de Neyra) que repasa a retratística e a fotografía galega dos séculos XIX e XX ou Orixes da fotografía en Lugo (Eduardo Ochoa).
A deputada provincial reafirmou o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo “co ensino e coa comunidade educativa, facilitando tanto actividades como material que poidan ser de interese para alumnado e profesorado” e sinalou que “con este tipo de iniciativas achegamos á sociedade lucense, e especialmente ás persoas que se están formando en profesións creativas, a labor editorial do Servizo de Publicacións e a actividade expositiva dos museos”.
A deputada, que estivo acompañada polo tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, aproveitou a visita para coñecer as instalacións da Escola, que conta cunha exposición de traballos artísticos realizados por alumnado de distintos ciclos.