Presentouse na Casa da Cultura de Outeiro de Rei a mostra 50 ANOS DO BELÉN DE BEGONTE (1972-2022), proxectada polo Colectivo Egeria e o Centro Cultural José Domínguez Guizán (impulsor do Belén de Begonte), apoiada pola Xunta de Galicia e o Concello de Begonte, e que resume a vida e actividade deste Belén electrónico que a Xunta declarou en 2014 “de interese turístico galego”. Participaron no acto o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, o Alcalde de Begonte, José Ulla Rocha, e o Presidente do Colectivo Egeria e vicepresidente do Centro Cultural, Xulio Xiz.
50 anos do Belén de Begonte (1972-2022)
A exposición está composta por trece paneis que reflicten as datas e os datos máis destacados da historia do Belén, con mención especial ao Nadal de 1972, na que o bispo de Mondoñedo, Monseñor Araujo bendiciu o Belén que nacía, e pronunciou o pregón Víctor Sáenz. Anos despois Monseñor Araujo sería tamén pregoeiro do Belén.
O Nadal en Begonte ten sido pregoado neste case medio século por profesores, escritores, xornalistas, políticos, cregos, bispos… e dous Presidentes da Xunta, un presidente do Parlamento, un Arcebispo e un Xeneral. É costume desde a súa creación que ao nomeamento de cada bispo de Mondoñedo-Ferrol sexa este o que pregoe o Nadal begontino, polo que este ano corresponderalle esa especial función a Monseñor Fernando García Cadiñanos.