A Exposición Canina de Lugo baterá este ano o seu récord de participación con 1300 cans, que chegarán á cidade esta fin de semana xunto aos seus donos para participar nunha das probas de referencia do noroeste do país.
O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo será, un ano máis, a sede dun certame que foi presentado este mediodía nos soportais do Concello de Lugo coa presenza do presidente da Sociedade Canina Galega, Agustín Fontán; o xerente do Pazo de Feiras, Rubén López; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias; e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
O evento, que recupera as datas tradicionais de xaneiro, vivirá una edición moi especial coa celebración da Exposición Nacional Canina de Galicia número 100 o domingo 30. “Este ano demos o máximo para organizar este evento porque non sempre se chega a cen edicións. Por iso os premios, desta volta, serán moi especiais e por enriba superamos todas as expectativas de participación. Estamos moi ledos”, destacou o presidente da Sociedade Canina Galega, Agustín Fontán.
O éxito de convocatoria do certame, no que tamén se desenvolverán a 99 Exposición Canina Nacional (sábado 29), a 44 Exposición Canina Internacional (domingo 30) e ao que regresan as probas de Agility cun selectivo para o Campionato do Mundo, consolida a cita luguesa como unha das máis importantes co calendario. “O atractivo deste encontro para os participantes vai moito máis aló do simplemente competitivo. A oferta gastronómica e turística, ademais da calidade e comodidade das nosas instalacións, supoñen un gancho que atrae aos participantes e ás súas familias á nosa cidade co beneficio que iso supón para todo o tecido social lucense”, afirmou o xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López.
Para acceder a este evento, no que se poderá gozar das habilidades e a beleza de exemplares extraordinarios, os maiores de 12 anos deberán retirar unha entrada que terá un custo de tres euros para toda a fin de semana. Asemade, quen non poida presenciar en directo as exhibicións poderá seguilas a través do streaming oficial na canle de Arion Pet Food https://www.youtube.com/c/ArionPetFoodSpain
A seguridade dos asistentes será un aspecto de vital importancia para os organizadores e, por iso, aplicaranse todas as medidas recomendadas polas autoridades sanitarias: uso obrigatorio de máscara, medición de temperatura corporal, dispensadores de xel hidroalcohólico e presentación obrigatoria do pasaporte COVID para o acceso.