A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, chegou ao IES Fonte Albei da Fonsagrada , onde foi presentada ante un grupo de alumnos do centro. A mostra, organizada polo Colectivo Egeria, con patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as “pegadas de Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita. O proxecto “Don Ricardo de Fingoi” inclúe, ademais desta exposición itinerante, un folleto que reflicte integramente os trece paneis, e unha web e un libro con opinións e lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi. No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e comezou a publicación da súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea. A exposición ten carácter itinerante, tendo iniciado o seu percorrido no Colexio Fingoi (Lugo) o pasado 15 de xaneiro. Superados os maiores rigores da pandemia, esta mostra estivo en Guitiriz, Foz, Burela, Lugo, Vilalba e Viveiro. Nas vindeiras semanas seguirá o seu percorrido por concellos e entidades culturais da provincia de Lugo.
Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales coma reconocerte cando volves á nosa web ou axudar ó noso equipo a comprender qué seccións da web atopas máis interesantes e útiles.