Hai tres anos que GaliciaDigital emprendeu o que se denomina PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ para rescatar a figura deste importante escritor nado en Paradela (Lugo), emigrante aos seis anos coa súa familia a Catalunya, e que chegou a ser a ponte perfecta entre os Galegos en Catalunya e a Galicia interior, a a través da súa poesía, da súa narrativa e das súas crónicas periodísticas.
MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, a dicir de Méndez Ferrín na súa tese “De Pondal a Novoneyra”, é o máis importante poeta obreiro da Galicia da segunda metade do século XX. A súa poesía ten unha forza expresiva, froito do amor do autor por Galicia e o galego, e da súa experiencia como obreiro en Cataluña dos anos cincuenta, sesenta e setenta. Temas recorrentes son a terra, a emigración, o traballo, sempre na defensa dos máis humildes, dos máis desfavorecidos; sempre vivindo en Galicia -vivindo Galicia- aínda que residise en Catalunya.
Ademais das súas creacións en poesía e prosa, este autor ten un moi importante traballo xornalístico, difundindo especialmente en Galicia o traballo dos galegos no país catalán. Colaborador asiduo de El Ideal Gallego, El Progreso, Faro de Vigo e outros medios, as súas crónicas foron recollidas nos libros GALEGOS EN CATALUNYA, I e II, e nelas se reflicte a constante presenza da cultura galega en Cataluña, tanto pola visita de galegos como (e de xeito especial) polo traballo das colectividades galegas en Catalunya.
Se o Proxecto naceu inicialmente para solicitar a dedicación a este autor dun Día das Letras Galegas, leva xa funcionando tres anos difundindo a vida e obra deste autor, tendo como elemento esencial unha web (www.manuelrodriguezlopez.org) en castelán, galego, catalán e inglés, unha antoloxía poética, e esta exposición itinerante, formada por dezaseis paneis onde se reflicte o máis salientable da traxectoria vital e creativa deste autor.