A cultura en Lugo non pasa por un bo momento. E non é por falta de xeradores de contido cultural senón, máis ben, pola falta de planificación amosada, nos últimos anos, polo Concello de Lugo. Así o destacaron na tarde de hoxe os tres participantes no segundo debate cultural de XornaldeLugoTV que se puido ver en directo no noso Facebook.
José Manuel ‘Josito’ Pérez Afonso (Podemos), Chus Rodríguez (ACE-EU-EQUO) e Florentino Pinheiro (Converxencia 21), criticaron duramente a constante improvisación da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que se pode deber, segundo Rodríguez á “falta dun modelo de cidade”. Os tres debatintes destacaron a rapidez, ineficacia e malfacer do goberno local nos últimos anos no eido cultural, unhas políticas que non foron máis que unha “herdanza envelenada de Orozco que recolleu Lara Méndez”, segundo afirmou a número 2 de ACE-EU-EQUO.
Outro punto que destacaron con ironía foi a “casualidade” de que hoxe mesmo se presentara o Caudal Fest, a tan só uns días da celebración do Fa Ce La Fest e con vistas ás eleccións municipais. Unha “estratexia electoral máis”, segundo afirmou Josito Pérez que non deixa de ser tónica habitual no Concello de Lugo, á hora de buscar “motivos para saír na prensa”.
Entre as propostas para comezar a devolver a Lugo as políticas culturais que merece, Florentino Pinheiro destacou a importancia de encher de contido todos esos edificios baleiros que hai na cidade e facelo, de maneira organizada e sen improvisacións; Pinheiro tamén resaltou a importancia de pular polo patrimonio (a Muralla, o Camiño Primitivo…) pero, sobre todo, impulsar ás asociacións culturais e a todos os veciños que teñen contido que ofrecer e que non atopan “onde ensaiar ou onde publicitar o que fan”.
Pinheiro resaltou tamén a importancia de que a cultura “non dependa do goberno”, fomentando as empresas culturais sen que o Concello “faga competencias”.
ACE-EU-EQUO propón, entre outras medidas, enlazar a cultura co urbanismo, a xustiza social, o ecoloxismo e o feminismo, para non só, recuperar a cultura senón tamén os “espazos nas rúas, prazas e edificios baleiros nos que facilitar a autoxestión”.
Pola súa banda, o alcaldable de Podemos, instou a rematar canto antes a equipación do novo auditorio, para poder enchelo de contido alonxándose da polémica entre institucións. “Ao abrirse o Auditorio, ábrese unha oportunidade”, asegurou Josito Pérez que se referiu á posibilidade de dotar ao Gustavo Freire do equipamento necesario para poder ceder ese espazo ao “músculo cultural de Lugo”.
Os debates continúan a semana que vén, misturándose con entrevistas e tamén un gran debate provincial no que participarán os grupos con actual representación na Deputación. Asemade, dende mañá, na nosa web, poderanse ver os debates que xa houbo e, mentres tanto, están dispoñibles no noso Facebook. Lembramos ademáis que, todo aquel que o desexe, pode acudir como público a estes debates, poñéndose en contacto connosco a través dunha mensaxe ao noso facebook.
Mai 15, 2019 - 11:34 PM
Sempre o mesmo.