A familia Castro vén de asinar a cesión da leira na que se sitúa a casa paterna de Fidel Castro á Asociación da Amizade e Solidariedade de Láncara con Cuba, constituída no pasado mes de xaneiro para afianzar as relacións entre este municipio e a illa caribeña.
Carlos López Sierra, que formou parte da corporación municipal lancaresa en anteriores lexislaturas e coñece en profundidade á familia Castro, preside este colectivo, que conta entre os seus integrantes con outras persoas de relevancia social e empresarial en Lugo.
López Sierra rubricou onte ante notario en Sarria, con María Teresa López López, familiar directa de Fidel e Raúl Castro, a escritura de compravenda con pacto de retro (sen lucro) que formaliza a cesión da propiedade dos Castro. Acompañáronlle no acto de firma outros membros da Asociacion de Amizade e Solidariedade de Láncara con Cuba como o seu secretario, Jaime López.
Tras este paso, o obxectivo da Asociación é impulsar a creación nesta propiedade dun Centro de Interpretación da Emigración de Galicia en América, con especial atención aos países caribeños así como ao papel e relevancia histórica de Fidel Castro Ruz e Raúl Castro Ruz, así como doutros membros da familia Castro na República de Cuba. Trátase, en definitiva, de poñer en valor a traxectoria e impacto do pobo galego en América debido ao fenómeno migratorio, partindo dunha familia cuxos membros teñen un papel destacado na historia global.