A Federación de AA.VV. Lucus Augusti demanda melloras para a provincia ao goberno central de cara aos orzamentos de 2024

A Federación de Asocaicións de Veciños Lucus Augusti trasladou as súas demandas ao Delegado do Goberno en Galicia e aos Deputados e Senadores da Provincia de Lugo con referencia aos orzamentos do goberno central para 2024.

Nun comunicado, a Federación fai sete peticións ao goberno do estado para mellorar distintos aspectos na provincia lucense. A primeira é a importancia de rematar a autovía entre Lugo e Santiago “considerando ademais que somos a única capital de Provincia que non temos comunicación con Santiago por tren”. Tamén se referiron no escrito á autovía Lugo-Ourense, para a que piden destinar orzamento xa que a estrada nacional “está en moi mal estado”.

Outra das peticións está relacionada co transporte ferroviario. Piden ao executivo de Sánchez que mellore a liña Lugo-Coruña-Ferrol e que se recuperen as liñas nocturnas con Madrid e Barcelona

En canto ao mar, pediron “unha vez máis” que Lugo dispoña de Autoridade Portuaria en San Ciprián para que os portos da Mariña Lucense deixen de depender da Autoridade Portuaria de Ferrol, xa que nestes momentos a lucense é a única provincia con costa que non conta con esta Autoridade propia.

Tampouco se olvidaron dos ríos lucenses nesta petición. Unha das cousas que demanda a asociación é un plan de limpeza e recuperación de leitos fluviais provinciais “para poñer os nosos ríos como un gran reclamo turístico e medio ambiental”.

A pesar de estar moderadamente satisfeitos coas acometidas levadas a cabo polo goberno central para mellorar as conexións de internet e móbil, dende a federación solicitan rematar esta campaña e axudas na cobertura de fibra óptica nas zonas que non a teñan.

Para rematar, non podía faltar o rural, para o que piden unha fiscalidade especial xa non só a nivel provincial senon autonómico. A finalidade desta petición é a de “favorecer o asentamento de empresas con bonificacións nas cotas dos traballadores, autónomos, etc. facilitando a creación de postos de traballo e evitando a perda de poboación”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com