A Federación de Asociacións veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo vén de manifestar o seu apoio rotundo aos fins da Fundación SALMA –Fundación para o Coidado da Saúde Mental en Galicia e anunciar a próxima celebración dunha xornada divulgativa en formato de mesa redonda, o 17 de marzo de 2022 ás 19.30 h. no local social da federación –situado na rúa Luís Ameijide, 10. Entresollado C. 27.003, Lugo-.
O encontro contará coa presenza e participación nunha charla-coloquio, da Presidenta da Fundación SALMA, Ana Lucía González Novás; así como dun profesional vinculado directamente co ámbito da Enfermería na área de Saúde Mental; e doutro profesional da Medicina, con especialidade nesta materia.
A realización desta xornada xorde por mor da reunión da Xunta Directiva da Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro – CoGaVe –presidida por Fernando Rois Rois-, celebrada o pasado venres 25 de febreiro na cidade de Lugo, e á que acudiu Dna. Ana Lucía González Novás, Presidenta da Fundación SALMA, para agradecer o manifesto asinado o pasado mes de outubro de 2021 polas sete Federaciónes de Asociacións Veciñais integrantes da COGAVE.
Con esta próxima xornada, a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo ratifica o seu compromiso con esta causa que afecta directamente á práctica totalidade da poboación na sociedade actual: “a Saúde Mental e a súa repercusión na vida diaria”.