A Federación de Veciños pide explicacións á Vicepresidenta da Deputación de Lugo

Dirixido á Sra. Vicepresidenta da Excma. Deputación Provincial de Lugo e responsable da área de Cultura desta entidade, Dona Tareixa Antía Ferreiro Tallón.

Desde a Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo, volvemos pedir explicacións, fixémolo xa a inicios do pasado mes de xuño de 2022-, acerca da incomprensible demora do programa “Musiqueando” -pertencente á Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo-, que en pleno mes de xullo de 2022 -xa oficialmente e para todos os efectos, pleno verán- , segue sen estar operativo, e que, segundo fontes próximas ao departamento competente nesta materia, este ano 2022, non vai estalo en ningún momento.

Ditas explicacións foron trasladadas á responsable directa da xestión deste programa, a Sra. Dona. Tareixa Antía Ferreiro Tallón, por ser a primeira titular da área de Cultura da Excma. Deputación Provincial de Lugo, ademais de Vicepresidenta desta entidade -e ser, por tanto, tanto ela como os seus correspondentes asesores, perceptores de soldos públicos, pagados con diñeiro de todos os contribuíntes.

Un mes despois de haberllas solicitado, seguimos como ao comezo: sen resposta. Cabe matizar que o programa “Musiqueando” supón un incentivo moi significativo tanto para artistas como asociacións, xa que permite ás entidades do tecido asociativo de toda a provincia lucense dispoñer, nas súas celebracións populares, de actuacións musicais e/o de grupos folclóricos subvencionadas pola Deputación Provincial de Lugo; motivo polo cal, desde a Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo sempre valoramos moi positivamente a existencia do devandito programa, que data de varios anos atrás. A inoperatividade do programa “Musiqueando”, en pleno mes de xullo de 2022, e transcorrida xa unha importante relación de celebracións populares organizadas por entidades do tecido asociativo ao longo e ancho da provincia lucense, supuxo un grave prexuízo ás mesmas, xa que non puideron dispoñer do catálogo de actuacións ofertado polo devandito programa.

 Asemade, o mencionado prexuízo esténdese tamén aos propios artistas e grupos musicais incluídos no programa, xa que a súa principal finalidade é a promoción e difusión da música tradicional, as Bandas de Música, Grupos Corais e artistas de música tradicional en xeral.

Segundo fontes próximas á área con responsabilidade directa da xestión e execución de devandito programa -a área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo-, neste ano 2022, o programa “Musiqueando” non verá a luz en ningún momento, ocasionando un importante prexuízo a quen, dentro das entidades asociativas veciñais ao longo e ancho de toda a provincia lucense, organizan festexos e celebracións populares; así como tamén aos propios artistas e grupos musicais.

Desde a Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo, volvemos esixir que os responsables públicos -pagos con diñeiro de todos os contribuíntes- cumpran coa súa obriga, tanto na xestión como nas explicacións que correspondan, e que, no caso que nos acupa, os veciños e veciñas de toda a provincia lucense merecen coñecer a situación actual do programa “Musiqueando” , os motivos da súa demora -e, neste momento xa, da súa inexistencia-, e que accións levou a cabo a responsable da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo nesta materia, a efectos de paliar os graves prexuízos ocasionados a multitude de asociacións veciñais ao longo e ancho da provincia lucense. Neste punto cabe preguntarse: Que opcións temos as entidades do tecido asociativo para solicitar unha actuación musical para algunha celebración popular que organicemos? Van atender ditas peticións? Ou, pola contra e como se comenta, van atender exclusivamente as que proveñan dalgún colectivo “amigo”? Seguimos, por tanto, agardando a súa resposta e explicacións respecto diso.

Lugo, martes 5 de xullo de 2022. Xunta Directiva da Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo.

Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Escoitar

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com