A Federación Galega de Comercio e a Deputación presentan a campaña ‘Mellor Comercio da túa vila’

O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentaron hoxe no Pazo de San Marcos o ‘Mellor Comercio da túa vila’, unha campaña para promocionar o sector comercial de proximidade da provincia e incentivar as vendas na recta final do ano. A iniciativa inclúe premios para os propios negocios participantes, por un total de 8.500€, e para os clientes, en bonos de compra que suman 15.000€.

A campaña, explicou Tomé, ten un dobre obxectivo: “por un lado, poñer en valor a calidade e as melloras que van introducindo os comercios para promocionarse, modernizarse e alcanzar cotas máis altas de competitividade”, e por outro lado, “incentivar as vendas nesta recta final do ano, aproveitando que son datas de maior consumo”, nas que, de feito, se concentra o 40% da facturación anual do sector do comercio.

A campaña, que comeza este 14 de novembro e rematará o 14 de decembro coa celebración dunha Gala do Comercio no Pazo de San Marcos, inclúe distintas accións: premios para 17 negocios da provincia de 500€ cada un e un diploma acreditativo; sorteo de bonos por 12.000€ entre os clientes; e actividades de dinamización nas rúas da capital lucense e sorteo dun premio de 3.000€ en compras.

12.000€ en premios e distinción aos mellores comercios

A campaña ‘Mellor comercio da túa vila’ arranca hoxe. Ata o 7 de decembro, aquelas persoas que realicen compras en calquera comercio de proximidade da provincia de Lugo poderán rexistrar os seus tickets a través da web www.mellorcomerciodatuavila.com e entrar nun sorteo que terá lugar o 11 de decembro no Pazo de San Marcos, no que se repartirán 12.000€ en vales de compras, repartidos en 20 premios de 300€ e 40 premios de 150€.

Durante ese rexistro, os clientes poderán votar a un comercio de entre os previamente inscritos no concurso, e desa votación popular vía online sairán os 17 negocios que se distinguirán como Mellor Comercio da túa vila. Os gañadores recibirán de premio 500€ en metálico cada un, e un diploma acreditativo, dos que se lles fará entrega nunha Gala de Comercio que se celebrará o vindeiro 14 de decembro.

Merca na Rúa

A campaña que impulsa a Deputación de Lugo coa Federación Galega do Comercio tamén contempla o desenvolvemento doutra acción na cidade de Lugo baixo o nome Merca na Rúa, coa que se desenvolverán actividades de dinamización entre os días 1 e 12 de decembro para fomentar as vendas do comercio local. Entre as persoas que fagan unha compra durante estes días, sortearanse 3.000€ para gastar nunha xornada de compras que se celebrará o 13 de decembro, de 17:00 a 20:00 horas. O premiado deberá visitar polo menos oito tendas participantes na campaña e gastar un mínimo de 100 euros en cada unha delas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com