A Feira de Emprego reúne en Lugo a empresas e estudantes en busca de traballo

Arrancaba ao redor das 9.30 horas desta mañá a Feira de Emprego de Lugo promovida por Concello, Deputación e a Fundación Venancio Salcines. A primeira feira de emprego universitario e de FP, que acolle durante a xornada de hoxe o Hotel Méndez Núñez da capital lucense, porá en contacto aos estudantes e recén titulados con empresas  nacionais e internacionais que precisan de traballadores cualificados e entre as que destacan firmas tan importantes como Hotusa, Cafés Candellas, Nortempo, Vegalsa-Eroski ou Caixabank entre outras moitas.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Alcaldesa de Lugo, e o Presidente da Escola de Finanzas de A Coruña, Venancio Salcides, inauguraron hoxe esta feira. En total, foron 20 compañías que operan na provincia as que participaron nesta feira, buscando perfís laborais para a súa contratación. Tamén se impartiron obradoiros gratuítos para que os rapaces melloren a súa carta de presentación laboral e destaquen nas entrevistas de traballo cunha “marca propia” que os distinga.

O organismo provincial levou a esta xornada a súa Axencia de Colocación, un servizo gratuíto que xera sinerxías entre os demandantes e ofertantes de emprego existentes na provincia para contribuír a unha verdadeira inserción laboral no conxunto do territorio lugués. O primeiro resultado deste traballo é a contratación no mes de maio de 185 lucenses actualmente no paro noutras tantas entidades da provincia.

A Deputación presentou ás empresas da feira os perfís laborais que se adaptan as súas necesidades e forman parte da base de datos da súa Axencia de Colocación, que conta xa coa información profesional de máis de 2.000 lucenses. O organismo provincial tamén recolleu nova información laboral de mozos da provincia no paro co obxectivo de poñelos en contacto con entidades lucenses nas que poidan traballar.

Campos Conde destacou que a Feira de Emprego Universitario “é unha oportunidade única para que os nosos rapaces manteñan contactos con recoñecidas empresas de cara a súa inserción laboral. Por este motivo, dende a Deputación, ao igual que dende o Concello de Lugo, dúas institucións que imos da man e compartimos unha firme aposta polo emprego, tivémolo claro dende un principio e decidimos contribuír á celebración desta cita en Lugo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com