A Feira Solidaria Diversiarte que este 2023 celebra a súa XVII edición, terá lugar esta semana, do 13 ao 15 de decembro, na Horta do Seminario.
Con esta feira, que ten por obxectivo recadar fondos para as entidades, se quere facer máis visible o traballo que realizan os colectivos. A veciñanza poderá aproveitar para adquirir os seus agasallos de Nadal sendo solidarios cos colectivos. “Todos os produtos son orixinais e moitos deles feitos a man polos usuarios e usuarias das diferentes asociacións que estiveron traballando durante todo o ano”, explicou a responsable da área de Cohesión Social, Ana Abelleira, quen animou a cidadanía e achegarse ata Diversiarte.
O mercado solidario, que estará composto por 15 stands, conta coa colaboración do Concello de Lugo, e a participación dos seguintes colectivos: Adace, Aecc, Afalu, Alcer, Alucem, Alufi, Alume, Alusor, Aspalu, Asfega, Aspace, Aspnais, Auxilia, Bonhomía, Cogami, Down Lugo, Fademga, Feafes, Once, Raiolas, San Vicente de Paúl, Asociación Española do Síndrome de Wolv-Hirschhorn (Aeswh), Lupus, Pinchacarneiros.
Programación de actividades organizadas polas asociacións
Paralelamente á celebración do mercado, as asociacións participantes organizarán obradoiros e espectáculos de animación, coa seguinte programación:
Mércores 13 ás 18.00 horas: Obradoiro de “Elaboración de xoguetes para os animais sen fogar de Lugo”. Organiza Down Lugo.
Xoves 14 ás 19.00 horas: Representación da escena da obra “O achado do castro” pola compañía de teatro Pinchacarneiro.
Venres 15 ás 18.45 horas: Panxoliñas interpretadas polo Orfeón Xoán Montes. Actividade organizada por Parkinson Lugo.