A asemblea de traballadoras da limpeza celebrada esta mañá no edificio sindical de Lugo rexeitou por unanimidade a proposta trasladada pola patronal ASPEL na mesa de negociación do pasado venres. As traballadoras, que levan preto dun mes en folga por un convenio digno, consideran a oferta totalmente insuficiente, xa que suporía seguir deixando o convenio por debaixo do SMI, polo que a folga continuará adiante até lograr un “acordo xusto”.
A CIG asegura que ASPEL, despois de estar máis de tres meses desaparecida e de 26 días de folga indefinida, apareceu na xuntanza do venres cunha oferta “de miseria” que “teima na conxelación salarial” para o ano 2022, con incrementos do 4% para 2023, 2024 e 2025 e do 3% para 2026 “cando o IPC real foi do 5,7%”.
Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña afirma que “a patronal continúa a deixar as táboas por baixo SMI, co cal seguen absorbendo a antigüidade, e a maiores, estabelecer un prezo fixo por trienio implicaría que cada traballadora teña unha perda de 184 euros por cada trienio até 2026”.
Por iso, as traballadoras xa advertiron que continuarán adiante coa folga e as mobilizacións diarias até lograr un convenio “en condicións dignas”. Piden uns incrementos salariais do 5,7% para 2022, do 5,5% para 2023, do 4% para 2024 e do 3% para 2025, e introducir unha cláusula de revisión ao corte (é dicir que opere no mes no que o IPC supere a suba pactada).