A Fundación TIC pon a súa pinga de humor no Festival Internacional de Literatura e Arte con Retranca, que se está a celebrar en Lugo, coa gravación dunha secuencia cómica duns dous minutos e medio de duración. A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez asistiu á presentación do sketch que un equipo de bolseiros e técnicos da TIC filmou e editou. A proxección tivo lugar o domingo, día 12, ás 18,15 horas, na Caixa Negra do Museo Interactivo da Historia de Lugo, MIHL.
A historia baseada nunha idea orixinal do lucense Lois Pérez, autor do guión, rodouse o luns desta semana, no barrio de San Fiz. A trama centrase no diálogo que manteñen con moito humor retranqueiro un mozo e un ancián galegos cunha parella de turistas madrileños.
A achega de TIC é froito do compromiso que mantén coas entidades e autores de proxectos creativos que potencian o desenvolvemento sociocultural da provincia. Na actualidade son máis de 130 as organizacións que manteñen acordos de colaboración coa Fundación TIC, que facilitan aos alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son prácticas profesionais en escenarios reais, a prol da súa inserción no mercado laboral.