A celebración do segundo aniversario da Furgoteca tivo lugar no pavillón do centro Eduardo Cela Vila de Triacastela, onde participaron 180 escolares procedentes de distintos colexios de infantil e primaria dos concellos que abrangue a ruta da biblioteca móbil de Lugo. Os participantes gozaron dun concerto de Pakolas e dunha entrega de libros, unha mostra das distintas accións que se realizan ao longo do ano ao abeiro da visita de A Furgoteca aos distintos municipios e que a converten, sinalou o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, “nun importante polo de dinamización cultural no rural, neste caso no interior galego, en consonancia con outra das nosas iniciativas, a Rede Adival”.
Así, o percorrido pola provincia de Lugo contou desde o 2023 con preto de 14.000 visitantes, fixo máis de 19.000 préstamos e celebrou 248 propostas de lecer para todos os públicos, abranguendo os municipios de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Aas Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. Pola súa banda, na provincia de Ourense atendeu 10.272 visitantes, realizou máis de 9.900 préstamos e ofreceu aos usuarios 159 actividades de dinamización, chegando aos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós.
Ademais, o pasado mes de xaneiro comezou o seu percorrido unha nova ruta das bibliotecas móbiles da Xunta, sumando 10 concellos de Ourense occidental, o de Lobeira, Muíños, Padrenda, A Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus e Verea.
Ata o día de hoxe foron dados de alta máis de 100 usuarios e realizáronse 220 préstamos.
As rutas de A Furgoteca viaxan dúas veces ao mes a cada un dos concellos participantes, de maneira que se asenta un dos días nas localizacións con maior afluencia de público, xa sexan feiras, mercados, centros de saúde, pavillóns de deporte ou centros socioculturais.
Na outra xornada achéganse ás aldeas para ofrecer unha atención máis personalizada.