A Garda Civil crea o ‘Equipo @’, para loitar contra a ciberdelincuencia

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe a entrada en servizo na provincia do Equipo @, un grupo da Garda Civil especializado na loita contra a ciberdelincuencia. Foi durante unha visita que efectuou esta mañá, na que estivo acompañada polo comandante xefe da Comandancia da Garda Civil, Carlos Barcelo.

Isabel Rodríguez explicou que a creación do Equipo @ supón un reforzo na persecución dos ciberdelitos na provincia e advertiu aos cidadáns, especialmente nestas datas de Nadal nas que aumentan considerablemente as compras, da necesidade de utilizar só canles seguros e protexer sempre tanto a información bancaria como os contrasinais e outros datos persoais.

A subdelegada indicou que a entrada en servizo do Equipo @ da Garda Civil é un importante paso que dá o Ministerio do Interior na loita pola seguridade no ciberespacio, xa que a ciberdelincuencia medra ao mesmo tempo que o fai o uso das novas tecnoloxías, a través das cales temos facilidades para facer todo tipo de compras, trámites, operacións bancarias ou mesmo solicitude de citas médicas.

Rodríguez indicou que nos dez primeiros meses do ano, de xaneiro a outubro, a cibercriminalidade aumentou na provincia no ámbito da Garda Civil un 43,30%, xa que se rexistraron 509 delitos deste tipo mentres que no mesmo período do ano 2020 foran 379 e advertiu de que máis da metade, o 59,6% foron estafas con tarxeta de crédito.

O Equipo @ da Garda Civil de Lugo conta na actualidade con tres efectivos, que ampliará nun axente máis en breve.  Os seus membros están especializados na loita contra a ciberdelincuencia, en particular, nas estafas a través da rede, que constitúen un dos principais problemas neste tempo.

Estes equipos, que veñen ser unha ciberpolicía de proximidade, foron creados para dar apoio aos postos da Garda Civil, proporcionándolles unha resposta especializada a este tipo de delitos e traspasan a responsabilidade ás unidades da Policía Xudicial cando o require a entidade ou complexidade dos delitos que se investigan.

Entre as funcións que desenvolve este equipo figuran o asesoramento aos membros do Corpo das unidades territoriais que reciban denuncias por ciberdelito, proporcionar atención a cidadáns e empresas sobre todo o relacionado coa ciberdelincuencia, especificamente coas estafas na rede e apoiar ao Equipo de Delitos Informáticos e Tecnolóxicos de Policía Xudicial.

A Unidade ten a súa sede na Comandancia da Garda Civil de Lugo e leva traballando desde hai varias semanas en distintas operacións nas que foron vítimas cidadáns de distintos puntos da provincia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com