A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, tomou parte hoxe na primeira actividade programada para este curso escolar na provincia pola Garda Civil dentro do Plan Director para a Convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos. Os actos, que contaron coa colaboración da Policía Local tiveron lugar no recinto portuario de Ribadeo, consistiron nunha exposición de medios e de varias demostracións e contaron coa participación de arredor dun milleiro de escolares de centros educativos de Ribadeo, Barreiros e Trabada. A subdelegada do Goberno estivo acompañada polos Capitáns Xefes da 4ª e a 1ª Compañía da Comandancia da Garda Civil de Lugo, así como polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e polas respectivas direccións dos centros escolares participantes.
Isabel Rodríguez destacou que ésta foi a primeira vez que participa neste tipo de demostracións na provincia o servizo marítimo da Garda Civil e remarcou a importancia de dar a coñecer á sociedade, sobre todo aos escolares, os distintos servizos que presta a Garda Civil. Ademais, a subdelegada do Gobeno agradeceu a implicación das forzas e corpos da seguridade do Estado para facer posible cada curso académico a celebración de numerosas actividades que se desenvolven nos distintos centros educativos da nosa provincia dentro do Plan Director para a Convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos.