A Federación Rural Galega (FRUGA) anima a participar na asemblea nacional prevista para o domingo 29 de marzo no recinto do Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo co lema “O Futuro da Galiza é Rural”.
A Federación sinala que “coa chegada de Feijóo ao Goberno, o rural galego padeceu unhas políticas tremendamente agresivas que implican unha acción planificada de destrución do tecido social rural, que ten a súa mostra máis evidente na constante desaparición de unidades produtivas agrarias e no abandono do rural. En definitiva, estas políticas están a provocar pobreza e desertización da maior parte do territorio galego, o que se dá en chamar a crise demográfica”.
FRUGA cuestiona ademais o modelo das desiguais relacións entre empresas e persoas produtoras. “Se antes, cando dirixía o nacionalismo a Consellaría do Medio Rural, existían unhas mínimas regras de mercado, como os contratos homologados e estes eran negociados en mesas creadas ao efecto, o Goberno de Feijóo optou por deixar actuar libremente as empresas para que impoñan as súas condicións sempre en detrimento dos intereses de produtores e produtoras”.
Esta asemblea tamén vai servir de foro de debate e lugar de elaboración de alternativas para afrontar esta situación, ao tempo que fará unha chamada para pór en marcha políticas orientadas a revitalizar o rural galego.
A efectos organizativos, a asemblea decorrerá entre as 10:30 e as 14:30 horas, para dar paso a un xantar de convivencia. Haberá transporte colectivo dende as distintas comarcas. Os interesados en participar nesta xornada de debate poden poñerse en contacto con FRUGA no 681.027.859 e en lugo@fruga-galiza.org.