O Pazo de San Marcos acolle este xoves a III Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, o primeiro dos actos que organiza a Deputación con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, lembrou que a Deputación arrancou este foro de debate e reflexión arredor da igualdade hai agora tres anos, “cada edición dándolle unha perspectiva algo distinta, e nesta ocasión faremos diferentes mesas de debate que poden ser moi positivas para a reflexión colectiva, polo que convido á sociedade da provincia a que se una e asista porque será moi enriquecedor”.
Programa
A III Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais arrancará ás 19:00 horas coa apertura da xornada e a continuación desenvolveranse mesas de debate no que participarán once mulleres: Marisol Morandeira, deputada de Muller e Igualdade; Laura Seara, exsecretaria de Estado de Igualdade; Lara Méndez, alcaldesa de Lugo; Ana Belén Traseira, directora da UNED de Lugo; Ana Corredoira, gandeira; Carmen Lence, CEO do Grupo Lence; Dolores Varela, Foro Feminista de Lugo; Marta Engroba, presidenta de Si, hai saída; Sandra Piñeiro, xuíza; Olga Osorio, directora de cine; e Sheila Patricia, cantautora.
Entradas
Para asistir á xornada é preciso retirar as invitacións no Pazo de San Marcos, debido á limitación de espazo que ten o Salón de Actos. Pódense solicitar, de balde, no Servizo de Protocolo, e está habilitado o teléfono 982 26 01 34 para facer reservas e aclarar calquera cuestión arredor desta iniciativa.
En Camiño contra as Violencias
O Deputación completará a súa programación o venres, 25 de novembro, coa sétima edición da andaina reivindicativa En Camiño contra as Violencias, que sairá ás 12.30 horas dende o Pazo de San Marcos para rematar no Centro de Formación Audiovisual da Deputación. Unha acción coa que a institución provincial quere involucrar á sociedade lucense para condenar os feminicidios e os ataques e asasinatos ás mulleres.
Está organizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación. Percorrerá o centro da cidade, dende a praza de San Marcos ata a escola, na rúa Frei Plácido Rei Lemos, facendo varias paradas sinaladas con fume negro. Os estudantes portarán unhas bolsas negras que representan os cadáveres das vítimas da violencia machista.
Durante a andaina, o alumnado pedirá a colaboración da veciñanza para que participe mediante uns papeis aos que prenderán lume ao remate do camiño, con paradas en puntos estratéxicos do centro da cidade para a realización de accións reivindicativas moi visuais.
A maiores, está previsto que da fachada do Pazo de San Marcos se despregue unha gran pancarta coa mensaxe ‘Non é non’ para simbolizar a denuncia e repulsa da institución ás violencias machistas.
Así mesmo, a campaña da Deputación en favor da igualdade entre mulleres e homes involucra aos concellos da provincia de Lugo. Por iso, distribúe estes días entre as entidades locais diverso material reivindicativo para sensibilizar e concienciar á cidadanía na loita contra as violencias machistas.