A instalación de postes informativos dos buses pon enriba da mesa o debate sobre novas liñas

O PP municipal vén de instar ao vicepresidente do goberno local a convocar “de xeito inmediato” a Mesa de Transporte para explicar os pasos que se seguirán dende a área  de mobilidade no referente a transporte urbano.

O edil popular, Antonio Amejide, xustifica a necesidade desta reunión debido a que “se detectou” a instalación de novos postes informativos das liñas de bus urbano en diferentes zonas da cidade. “Imaxinamos que se están a instalar novos postes informativos, pero urxe tamén renovar as marquesiñas e poñer en marcha os paneis e o SAE, pero antes de facer todo isto é preciso consensuar o deseño definitivo das liñas, xa que era o acordo que tiñamos”, sinalou o popular.

Segundo Ameijide, é “preciso” pechar e publicitar “o máis axiña posible” o deseño definitivo das novas liñas de transporte urbano para poder poñelas en funcionamento canto antes. Un deseño que se axuste aos cidadáns e dea, di o PP, “un servizo axeitado, áxil e que se axuste ás necesidades” dos lucenses.

A importancia de acordar o novo deseño canto antes vén dado pola necesidade de transmitir as novas liñas á empresa concesionaria do servizo para que os propios condutores dos autobuses poidan estudar as mesmas para poñelas en funcionamento, algo que tamén é  preciso transmitir con antelación á cidadanía para que teñan toda a información e poidan planificar con tempo os seus desprazamentos, xa que é de supoñer que cambiará nos horarios, os buses que teñen que coller e os transbordos.

O popular tamén recalca a necesidade que este redeseño das liñas de transporte se acompañe doutras medidas como a aposta por frecuencias de entre 10 e 15 minutos e a gratuidade para certos sectores da cidadanía, unha medida xa aprobada en pleno. Asemade, o PP pide a creación inmediata dunha app móbil con información en tempo real que permita calcular as rutas. Esta última, unha petición feita na pasada lexislatura precisamente, polo BNG, quen exemplificaba a sinxeleza desta medida cun grupo de whatsapp no que todos compartían a súa ubicación en tempo real.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com