A campioa de España na categoría absoluta de judo, Sara Álvarez, en fase de clasificación para os Xogos de Tokio 2020, vén de asinar o convenio de patrocinio para que participe como aliada da Xunta na loita contra a violencia de xénero e na promoción da igualdade entre homes e mulleres.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, recibiu á deportista luguesa a quen agradeceu a súa disposición para servir de embaixadora do deporte galego e sinalou a importancia do compromiso adquirido pola judoka, dado o potencial educativo que os deportistas exemplifican para inculcar valores como a tolerancia e a igualdade.
Sara Álvarez incorporará no seu equipamento oficial de competición e de adestramento os logotipos da Secretaría Xeral de Igualdade e da Secretaría Xeral para o Deporte-Fundación Deporte Galego. Ademais, terá que difundir a través das súas redes sociais, alomenos unha publicación mensual relacionada coa loita pola tolerancia, a igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero.
Os contratos de patrocinio intégranse no convenio de colaboración do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en materia de deportes. A iniciativa inclúe tamén medidas como campañas de prevención e sensibilización fronte a violencia de xénero dirixidas ás nenas e nenos, aos adolescentes e á mocidade, para que interioricen a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes.
Sara Álvarez revalidou o título no campionato de España celebrado en Fuenlabrada. Presenta un palmarés moi relevante que inclúe 3 veces medallas de ouro, 1 de prata e outra de bronce. Ademais participará no Máster de China, o que maior puntuación outorga, xunto co campionato mundial, para clasificarse para as Olimpíadas.
Balseiro desexou toda a sorte do mundo a campioa luguesa, e convidouna a volver a encontrarse ao seu regreso para celebrar os que seguro serán os moitos éxitos do deporte galego nas Olimpíadas, incluída unha boa participación individual.