O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, recollerá en Santiago o 7 de marzo o Premio Coopera 2015, concedido pola Xunta de Galicia aos mellores proxectos piloto de xestión compartida de servizos por parte de agrupacións de Concellos, Mancomunidades, Consorcios Locais e Áreas Metropolitanas.
A Mancomunidade de Municipios da Mariña obtivo o primeiro premio, dotado con 40.000 euros, polo proxecto denominado Puntos limpos para a xestión de residuos machistas, que fomentará a igualdade de oportunidades e actuará contra a violencia de xénero. O fallo salienta que “se trata dunha estrutura e rede persoal, recursos e infraestruturas, capaz de actuar de forma permanente e transversal fomentando a igualdade de oportunidades e actuando contra a violencia de xénero. Ao igual que os puntos limpos dedicados á recollida selectiva de residuos, a clave é que en cada fogar se faga a separación previa de residuos, identificar aptitudes, crenzas, comportamentos problemáticos e prácticas machistas e sexistas para actuar sobre elas co obxectivo de modificalas e se é posible eliminalas”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña salienta que “é un premio baseado nun proxecto presentado para temas de coordinación entre os diferentes Concellos para abarcar a problemática de violencia de xénero“. Llano asegura que “a verdade é que estamos agradecidos. Hai un bo proxecto para levar adiante na Mancomunidade relativo a esta temática que tanto debe preocupar e nos preocupa á xente, porque hai que tratar de reducila ou anulala completamente a violencia de xénero. Vai haber unha coordinación entre os diferentes Concellos da Mancomunidade e ímonos poñer a facer cousas xa e programalas para este ano.”