O Concello de Samos ampliou o seu parque de maquinaria para o mantemento das vías municipais cun tractor e unha mini pa adquiridos recentemente. Trátase de vehículos polivalentes, con equipamento para realizar diferentes tarefas de limpeza, desbroce e mantemento en vías e espazos verdes ao longo das 24 parroquias do municipio. O tractor conta cunha desbrozadora lateral e coitela para a neve, así como rampas de remolque para o desprazamento da mini pa, que ten dous cazos. A este equipamento, súmase unha máquina hidrolimpadora para limpar muros, beirarrúas ou varandas.
A alcaldesa de Samos Chus López explicou que “a incorporación desta nova maquinaria permitiunos dobrar o ritmo de traballo na limpeza e desbroce de pistas municipais nos últimos dous meses, xa que agora dispoñemos de dous tractores, e tamén nos permite afrontar o inverno con maiores garantías de sermos capaces de actuar cando se requira. Ademais, a mini pa danos a posibilidade de facer pequenas obras con medios propios, abaratando os custes” e subliñou a necesidade “da colaboración institucional” referíndose a Deputación, para executar este investimento, que o Concello non podería facer só con recursos propios”