O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, informou hoxe de que a Consellería de Sanidade outorgou unha cualificación de excelente a nove de cada dez praias da Mariña.
O delegado explicou que se analizaron as augas de 45 praias marítimas nos oito concellos costeiros da provincia “e os resultados foron moi positivos, xa que todas son perfectamente aptas para o baño e 42 delas foron cualificadas de excelentes”. Obteñen a cualificación de excelente en todas as praias os concellos de Barreiros (8 praias), Burela (4), Ribadeo (6), O Vicedo (6) e Viveiro (4).
A Consellería de Sanidade realiza controis periódicos da calidade das zonas de baño que están inscritas no censo oficial. Este programa inclúe a vixilancia sanitaria das zonas de baño mediante a inspección xeral das praias e a analítica das augas, que se realiza no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, situado en Lugo. A xefatura territorial de Sanidade remite a todos os concellos afectados a información relativa á calidade das augas do seu municipio.
Esta é unha das actuacións que Sanidade leva a cabo para garantir a seguridade dos usuarios dos baños e evitar riscos para a saúde. Cabe lembrar que tamén ten en marcha o programa Praias sen fume, co fin de evitar no posible que se fume nos areais e deste xeito “ir desnormalizando o consumo de tabaco”, segundo apuntou Balseiro.
Este ano incorporáronse oito novos espazos sen fume en zonas de baño da provincia, o que deixa a cifra total en 15. O Vicedo ostenta o récord de areais declarados, dado que suma as praias de Xilloi e Abrela e xa tiñan este distintivo as de Caolín e Vidreiro.
Tamén se unen á rede as praias fluviais do río Ladra en Begonte, a de Santa Isabel en Outeiro de Rei, A Cova no Saviñao, a do río Azúmara en Castro de Rei, a do Miño en Xustás (Cospeito) e a do Coto da Recadeira en Mondoñedo. Xa estaban adheridas dende a pasada campaña as praias de Coto en Barreiros, A Rapadoira en Foz, Esteiro en Ribadeo, O Torno en Cervo e Esteiro en Xove, ademais das dúas citadas no Vicedo.
A campaña non ten fins recadatorios xa que, así como a adhesión dos concellos é voluntaria, tamén é voluntario o seu cumprimento para os usuarios das praias.