O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto co Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda Maseda, a Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, o Alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, e a Presidenta da Asociación Protectora de Animais Valadouro-Alfoz (APAVA), Lucía López Tallón, inaugurou este sábado as novas instalacións do refuxio para animais abandonados e outros animais domésticos e salvaxes en catividade que a asociación dispón no municipio do Valadouro, e coas que colaborou o Goberno da Deputación con 85.000 euros.
Son unha dotacións públicas que ofrecerán servizo a todos os municipios da Mariña que decidan sumarse. Polo momento, ademais do Valadouro, tamén acollerá animais de Alfoz, Muras e Lourenzá.
Campos Conde destacou que “a Xunta transferiu aos Concellos as competencias de recollida e xestión de animais abandonados sen ningún medio económico para poder asumilas. Ante esta situación, que é unha mostra máis do castigo ao que o Executivo galego do Partido Popular ten sometidos aos municipios, dende o Goberno Provincial estamos a facer un importante esforzo inversor, que ascende xa aos case 800.000 euros, para habilitar espazos nos que os Concellos poidan levar aos animais abandonados e prestarlles o coidado e a atención que requiren. Polo tanto, con este novo investimento do Goberno da Deputación, damos resposta ás demandas e necesidades que teñen hoxe en día a maioría dos Concellos da Mariña e que precisan deste servizo comarcal”, destacou.
O Executivo Provincial financiou a construción das instalacións que se realizaron nuns terreos propiedade da asociación, que foi a responsable da execución dos traballos, nunha parcela de 2.650 metros cadrados, situada en Vilaestremil (O Valadouro). As dependencias contan agora cunha sala de curas, un departamento para a xestión da actividade, un almacén de alimentos e outro de limpeza, dúas salas de corentena e outras dúas de illamento, unha sala de postpartos, un espazo para animais perigosos, un departamento para gatos e mascotas e outros 6 espazos para o resto de animais. O refuxio pode dar acubillo, mantemento, coidado e atención profesional integral a un total de 30 animais abandonados que así o precisen.