A memoria fotográfica do pontenovés Edelmiro Méndez, recollida nun libro

A Pontenova acolleu onte pola tarde a presentación do libro ‘Edelmiro Méndez. Da terra que fomos’ unha recompilación de imaxes do fotógrafo pontenovés Edelmiro Méndez publicada pola editorial Canela.

Ao acto acudiron o autor do libro, Xose Manuel Méndez, o editor Pablo Quintana, e familiares e varias das persoas cuxos retratos se recompilan no libro.

‘Edelmiro Méndez. Da Terra que fomos’ contén 226 fotografías das que 219 foron tiradas en branco e negro por Edelmiro Méndez entre os anos 1957 e 1964 no actual concello lugués da Pontenova, conformando un conxunto de gran valor histórico, etnográfico e documental que representa a sociedade local tradicional, recoñecible aínda por moitas persoas, cando iniciaba a transformación que se consolidaría anos despois.

A través dunha mirada limpa e ordenada, chea de maxia, os suxeitos transcenden o obxectivo da cámara fotográfica mostrando unha profunda complicidade co fotógrafo, con quen mantiñan unha relación próxima propiciada pola súa empatía e por ter exercido anteriormente como zapateiro e gaiteiro, e tamén porque a súa esposa Pilar rexentaba unha taberna en Xinzo.

O discurso visual do libro percorre o ciclo vital das persoas, que o fotógrafo rexistra desde o nacemento ata a morte, nas festas lúdicas e relixiosas, romarías, xogos, divertimentos, vodas, mallegas e outros aspectos do ciclo agrícola, festivo, etc.

Completan a obra os textos de bos coñecedores do traballo fotográfico de Edelmiro Méndez, como son: Xosé Manuel Méndez, o seu fillo maior; José M. Salgado, fotógrafo profesional e editor gráfico desta obra; Anxo Fernández Ocampo, especializado en antropoloxía visual e docente na Universidade de Vigo, e Xoán Ramiro Cuba, etnógrafo e escritor.

O libro é o cuarto volume da colección Imaxes dun país da editorial Canela.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com