A exposición Aquela nena de Sarria, en homenaxe a Xela Arias no ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas, xa está aberta ao público de xeito simultáneo nos concellos de Triacastela, Samos, Paradela e Portomarín, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e impulsada polo Colectivo Egeria, encargado do seu comisariado. Poderán verse ata mediados do vindeiro mes de agosto, nos propios concellos ou na casa da cultura, no caso de Paradela.
Na inauguración oficial da mostra de Triacastela participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o presidente de Egeria, Xulio Xiz, ademais da alcaldesa, Olga Iglesias, entre outros. A mostra, que se desenvolverá paralelamente nestes catro concellos, está composta por tres prismas con paneis que reflicten aspectos da vida da autora xunto con poemas e textos que lle dedican dende destacados escritores galegos ata alumnos e alumnas dos institutos sarriaos Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández. Tamén inclúe fotografías facilitadas pola familia de Xela e debuxos da pintora lucense Sabela Arias.