A localidade de Ribadeo acolle dende mañá e ata o domingo a décimo sétima edición da súa tradicional Mostra de Teatro Afeccionao ‘Daniel Cortezón’ que presentou onte a edil de cultura ribadense, Pilar González, xunto coa viúva do dramaturgo que pon nome a esta cita, Martilde González.
A esta homenaxe anual, este ano engádeselle un maior cariño e é que, precisamente mañá, día 4 de outubro, cúmprense dez anos do pasamento de Cortezón. “Estamos convencidos de que compartimos co autor de Xelmirez ou A gloria de Compostela a idea do teatro afeccionado como un piar fundamental daque outro para o que el escribiu”, expresaba a edil.
Tres formacións chegadas de Castro de Rei, Palas e Vedra darán vida a diferentes personaxes destinados a todos os públicos. Así, a mostra arrancará este venres día 4 ás 20 horas da man de ‘Os Baluros Teatro’, de Castro de Rei, que interpretarán a obra máis representativa desta asociación, O Menciñeiro á forza, adaptación dunha obra do gran dramaturgo Molière e a que dan vida dende hai máis de 40 anos.
Pola súa banda, o sábado 5, tamén ás 20 horas será o turno de ‘Metátese Teatro’. A agrupación de Palas de Rei interpretará Na procura dun traballo, unha obra vangardista na que a interacción co público é a clave para captar o espírito da sociedade actual dende unha perspectiva crítica.
Por último, o domingo 6, é o día destinado aos máis pequenos da casa grazas a agrupación de Vedra, ‘Andaravía Teatro’ que co seu Brincacontos fará as delicias do público infantil ribadense dende ás 17.30 horas. A montaxe, que conta con protagonistas como bruxas, grilos e miñocas, está recomendada para nenos e nenas a partir de 5 anos.
Todas as obras terán lugar no Teatro da localidade baixo un prezo de 3 euros.
Matilde González, a viúva de Daniel Cortezón, sinalou que “cando o Concello puxo en marcha a Mostra de Teatro Afeccionado e lle puxo o nome de Daniel Cortezón, foi unha grande alegría para el. O traballo destes grupos afeccionados que traballan con dificultades, pero con moito entusiasmo son os que axudan a manter vivo o espírito do teatro. Varias das obras de Cortezón foron representadas por colectivos de teatro afeccionado, e digo colectivos pois a maioría das súas obras requiren moitos actores e non é posible ser representadas por un grupo de teatro pequeño”.