A negativa do PP non frea a extinción de Suplusa

A Deputación de Lugo celebraba hoxe un pleno extraordinario no que declarar, por fin, a extinción de Suplusa. Á entrada da sesión, o voceiro popular, Javier Castiñeira, anunciou ante os medios que o seu grupo votaría en contra da proposta.

Os populares xa o anunciaran a pasada semana, tras o pleno ordinario, non dirían que si á disolución de Suplusa ata que o executivo non sexa transparente e explique as condicións reais en que se levará a cabo esta extinción. Castiñeira sinalou que o goberno de José Tomé deberá resolver tres aspectos que, para eles, son fundamentais: subrogar á totalidade do persoal de Suplusa á Deputación, aclarar quen mandou a Tragsa usar maquinaria da sociedade urbanística sen permiso e confirmar a todos os concellos que seguen vixentes todos os convenios establecidos coa entidade urbanística.

Malia todo, a negativa do PP non foi suficiente para frear a extincion de Suplusa, que contaba cos apoios dos dous grupos no Goberno.

Así, tras a aprobación da moción, o presidente do Executivo, o socialista José Tomé, asegurou que hoxe “é un bo día para a Deputacion de Lugo e, polo tanto, un bo día para os concellos, para o tecido económico e para os veciños” e aclarou que “xa non quedan chiringuitos” e se consolida “a normalidade e a tranquilidade nesta institución”.

O Presidente ademais manifestou que “este día non pode ser máis transparente, claro e cristalino, xa que diante de todas as persoas esta institución adopta esta decisión. A Deputación de Lugo xa non vai ter dor de cabeza por un organismo anacrónico debido ás alegrías políticas do PP, porque SUPLUSA chegou a onde chegou grazas a un circo inaceptable dos populares”.  

“Foi un proceso impecable, con todos os informes técnicos favorables, en tempo récord -14 meses-, que garantiu todos os postos de traballo nas mesmas condicións e no que todas as decisión se tomaron por unanimidade, dende o principio ata hoxe, cando o PP decidiu romper o consenso”, explicou. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com