A obra de Adolfina Mesa, exposta no Museo das Aves de Cospeito

O Museo das Aves de Cospeito acollerá dende o sábado día 2 de febreiro a Exposición de Pintura Cromatopía da artista Adolfina Mesa. A mostra inaugurarase o propio sábado ás 19.00 horas. Dita Exposición está organizada polo Concello de Cospeito en colaboración con Culturalia GZ.

Permanecerá á vista do público durante todo o mes de febreiro no horario habitual do Museo, ou mediante chamada telefónica previa ao Concello de Cospeito para concertar unha visita fóra dese horario. A exposición desenvólvese coma un relato emocional no que o escenario de cor-espazo provoca que poidan coexistir distintos cronotopos que se artellan e relacionan na trama textual e cromática, creando unha atmósfera especial e un determinado efecto nas emocións dentro dun diálogo entre a obra e o espectador. Destaca a busca da artista orientándose cara a novas dimensións emotivas e concenptuais, afastándoa da realidade sen deixar de concebila.

Cromatopía leva á artista Adolfina Mesa a sentir a necesidade de non ser pintora simplemente, senón integrarse na estrutura diálogo e cromatismo, no que cor, forma, espazo e tempo transcendan dende o inédito cara ao permanente, aínda que sexa a costa de renunciar ás máis clásicas estéticas e diálogos, para acadar a sensibilidade de xeito harmónico. Unha construción onde ‘arte’, represente máis que pintura e se expanda ao lirismo da poesía.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com