A oposición atopa eivas no plan ciclista do Concello

Como cada vez que o goberno local presenta un novo proxecto, os carrís bici recentemente anunciados para Lugo, trouxeron consigo as críticas da oposición. O Concello de Lugo, se algo ten é pluralidade política e, iso, non sempre é bo para acadar proxectos sen denuncias dos demáis grupos. Así, o voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, lamentaba hoxe que a rexedora presentara o proxecto do carril bici de Lugo como “un parche”, xa que non resolveu ningún dos problemas que ten a cidade e que “urxe solucionar”.

Ameijide facía referencia así aos problemas de mobilidade que hai en Lugo, xa que a alcaldesa aínda non renovou o modelo de transporte urbano nin solucionou os problemas de aparcamento que hai na cidade, de feito a proposta de hoxe “agravaos”. O voceiro popular aplaude o proxecto do carril bici para Lugo e os lucenses, pero “sempre e cando sexa un proxecto serio e ben pensado”. O popular di isto porque o proxecto socialista que se presentou hoxe “non ten sentido algún”.

Ademais, o voceiro popular denunciou que o goberno non so non resolveu problemas graves en Lugo, senón que os “agravará” xa que, segundo explica, no proxecto presentado polos socialistas se especifica que se perderán 2.354,5 metros lineais de prazas de estacionamento, o que supón “a desaparición” de 523 prazas de aparcamento.

“Parece feita por alguén que non pedaleou nunca”

Pola súa banda, o voceiro do BNG-AA, tras coñecer esta proposta do goberno municipal, sinalou que son necesarias “alternativas para mellorar esta proposta por que parece feita por alguén que non pedaleou nunca”. Arroxo dixo que “o carril bici que propón o PSOE é todo en costa, precísanse buses con espazo para as bicis que permitan que as persoas que baixen dende a cidade ata a zona do río poidan subir con comodidade, ou buscar rutas alternativas polos camiños tradicionais nos que as pendentes son menores”.

Arroxo lembrou que “tendo en conta que o obxectivo da Estratexía EDUSI é unir a cidade coa zona do río, propoñemos diferentes alternativas para mellorar o contido do documento presentado polo goberno e salvar a barreira orográfica que supón a rúa Santiago (volta da Viña). Algunhas do propostas do BNG van dirixidas a recuperar sendeiros históricos e tradicionais como a rúa Pousadela, a planificar a unión da rúa Santiago e ronda do Carme coa ronda de Fingoi na que xa existe un ciclo-vías que habería que unir ao de nova creación.

“Moito ruído e poucas noces”

A agrupación local de Lugonovo tamén deu a súa opinión ao respecto deste proxecto do goberno e valorábao cunha sinxela pero contundente frase feita: “moito ruído e poucas noces”. “Non deixa de ser outro propósito máis, coma todo o anunciado dende o inicio do mandato, pero igual que o resto de intervencións, sen visos de concretarse nin de materializarse a curto prazo”, di Cristina Pérez Herráiz.

A falta de estudar en detalle a documentación facilitada hoxe polo executivo e, compartindo a necesidade de dotar á capital dunha infraestrutura tan reivindicada pola súa veciñanza coma esta, a voceira do Grupo Municipal subliña que a proposta “non pasa por ser outra cousa máis que unha idea, sen ningún tipo de aval técnico que garanta que vai contar cos permisos autonómicos precisos, tendo en conta que non dispón de ningún informe de Patrimonio que a valide”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com