O Grupo do Partido Popular no Concello de Lugo vén de amosar o seu malestar polas dificultades reiteradas, din, coas que se está atopando para acceder á documentación das xuntas de goberno. O edil da formación, Antonio Ameijide, explicaba hoxe que dende o mes de agosto a súa agrupación non dispón das actas das xuntas de goberno nin teñen información sobre os asuntos municipais que se tratan nelas. O funcionamento habitual era que os grupos da oposición podían consultar ao día segunte das xuntas de goberno os expedientes completos con informes e propostas. Arestora, denuncian os populares, a oposición só ten acceso ao acordo e non ao envío das actas.
Do mesmo xeito, o PP, ao igual que facía Cidadáns hai unhas semanas, denuncian o incumprimento á Lei de Transparencia por parte do goberno local que non fai pública a documentación dos diferentes contratos menores que ten o Concello.
Por ambos motivos, os populares califican ao goberno local de “escurantista por non facilitar o acceso a este tipo de documentación”. Para o vicevoceiro popular “neste Concello precísase unha rexeneración ética do goberno máis caro e máis oscuro da historia de Lugo, ao mesmo tempo que se respecten os principios democráticos que tanto invocan algúns membros do actual goberno”.
O edil popular explicou que “non só estamos sendo ninguneados nós, senón que ademáis se están vulnerando os nosos dereitos e os dos miles de lucenses que depositaron a súa confianza no PP para defender os seus intereses”.