A Peneira, 40 anos

As persoas e as súas iniciativas nacen, medran, desenvólvense – se acaso, reprodúcense -, esmorecen e desaparecen. Ese percorrido pode durar trinta ou noventa anos; ou corenta. Cantas persoas morren na flor da idade!… Cantas iniciativas non chegan a superar a maioría de idade!…

Coñecín A Peneira cando esta meritoria publicación loitaba por atopar un lugar no mundo de Galicia. Estaba eu no Concello de Lugo e Guillermo visitou a cidade, coñecímonos e falamos de xornalismo e de Galicia. Estaban mediados os anos oitenta… e desde entón pasaron corenta anos.

El e máis eu notamos o paso do tempo, e A Peneira é unha moza nunha terra milenaria que segue a necesitar medios que lle abran os ollos cara ao pasado e cara ao presente, para que todos saiban o que pasa arredor de nós mesmos. Para abrir os ollos á nosa realidade máis cercana, ás nosas verdades, a saber de onde sopra o vento e entender o que está pasando e albiscar o que nos vai vir.

A Peneira é moza pero ten a experiencia destes corenta luminosos anos nos que a nosa terra entrou en dimensións impensables. E non me refiro a Europa como entidade sociopolítica á que pertencemos, que tamén. Refírome á Europa formada por infinidade de pobos que coñecimos a través dos milleiros de peregrinos que nos abriron ao mundo a través do Camiño que ven de Europa á Capital de Occidente. Ese Camiño integrounos máis na modernidade, no europeismo… ca calquera unión política ou económica; o Camiño iluminou Galicia desde hai máis de mil anos coa luz que – dixo don Ramón Cabanillas – “cae darriba”, abríndonos a todos os mundos do vello mundo e máis aló.

Eses corenta anos que a Guillermo e a min nos trasladaron á madurez consciente, contemplaron o nacemento dunha Galicia nova, unha ou varias xeneracións de galegos conscientes, formados, modernos, europeos. Corenta anos marcan o abismo de distancias que median entre aqueles anos oitenta e o rubicón do primeiro cuarto do século XXI.

Desde a citada madureza consciente á mocidade que os tempos impoñen eu quero saudar xubiloso desde a cidade máis amurallada de Galicia a unha publicación que sen sair da mocidade entusiasta, entrou empoderada, poderosa, nunha etapa vital na que todo é posible, todo está ao alcance da man, superadas tormentas, secas, pandemias; conflitos, crises, liortas… mesmo situándose á vista de todos, no centro de Galicia, como no ollo dun tornado que goza de tranquilidade absoluta mentras todo xira ao seu arredor.

Segue a peneirar, Guillermo, cribando, peneirando Galicia para obter a fariña informativa que nos alimente, nos faga críticos, nos faga máis libres. Se cada pobo tivese a súa “Peneira”, este país sería máis forte, máis grande, máis vivo!.

(Publicado no especial 40 anos de A PENEIRA)

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com