A Plataforma Cidadá contra a Impunidade do Caso Carioca inaugura mañá cunha concentración na escalinata da Praza Maior de Lugo a partir das 19:45 horas a súa campaña de recollida de sinaturas para reclamar tanto á Xunta de Galicia como ao Concello de Lugo que se persoen como asucación popular nas pezas máis relevantes referentes a esta trama de trata con fins de explotación sexual, para evitar que queden impunes tanto os proxenetas como os cómplices necesarios cos que contaban entre as autoridades públicas e o empresariado lucense.
Baixo o lema Se a Fiscalía non fai nada, farémolo nós a Plataforma seguirá informando sobre o que considera unha “alarmante deixación de funcións do Ministerio Fiscal no seu labor de protexer ás mulleres vítimas” e unha reiterada actuación nos seus últimos escritos de defensa dos principais imputados, tarefa que non lle corresponde a esta institución.
Hai unhas semanas a Plataforma habilitou en redes sociais os hashtags #AcusaciónPopularXA e #OPoboAcusaáCarioca para que a cidadanía poida presionar ás administracións públicas, tanto a autonómica como a municipal, para que boten man deste dereito constitucional en favor das decenas de vítimas de trata que levan xa unha década totalmente indefensas ante o curso da investigación de graves delitos como abuso e explotación sexual, prostitución coactiva e lucrativa e moitos outros delitos de corrupción das forzas e corpos de seguridade que deberían adicarse a garantir a integridade e benestar destas mulleres.