A Plataforma de veciños do centro emitiu un comunicado no que se reitera no rexeite do plan de tráfico que deseñou o concello. Como é sabido, onte iniciouse o plan de tráfico derivado das obras de peonalización do Centro e comezaron a circular os coches pola Rúa Nova segundo o Plan previsto polo Concello e tal e como xa declararan membros do citado colectivo “A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo rexeita este plan de tráfico e lamenta que non se aceptara o Plan alternativo que presentou no seu día ao Concello. Ademais, actualmente estase executando con nulas medidas de seguridade para os peóns e veciños, dos que se están recibindo xa innumerables queixas”
Segundo a Plataforma Veciñal, “está a observarse ausencia total de Policía Local na zona para control do tráfico e na propia Rúa Nova non existe sinalización horizontal, nin sinalización do límite de velocidade para os vehículos. Os vehículos de todo tipo conviven cos peóns, esquivándose mutuamente ao non haber separación física entre eles, o que supón un risco importante e innecesario para os cidadáns”.