A Plataforma “Lugo… Non perdas o tren”, ven de emitir un comunicado dando as grazas polo apoio que está a recibir “por parte de colectivos Ferroviarios, sociais, sindicais, profesionais, empresariais e aos Concellos da provincia de Lugo que se adheriron á nosa campaña para que Lugo conte no deseño das redes de Alta Velocidade Españolas e dispoñamos de redes adecuadas que nos comuniquen con Madrid, Barcelona, Irún e Tui”.
Asemade reclaman a “estación intermodal prometida na que xa se investiu no proxecto unha importante cantidade”.
Tamén solicitan “que se invista na liña de FEVE entre Ferrol e Bilbao, mantendo decentes as súas estacións ou apeadeiros e que ao tempo continúese co estudo do TAV da costa que se expuxo no 2003. “Neste momento, estamos a enviar peticións aos Concellos da provincia, para que debatan mocións no sentido de solicitar da Xunta e de Fomento os investimentos necesarios en Ferrocarril, onde non o leve a cabo o grupo de goberno, solicitarémolo aos membros da oposición para que sexan eles os que as soliciten”.
A plataforma demanda que se posicionen ao respecto, os cargos do Partido Popular de Lugo e que o presidente da Xunta, Núñez Feijoo informe cales foron as xestións realizadas a prol da intermodal e o tren de alta velocidade. O comunicado remata “queremos celebrar con estes compromisos, o 140 Aniversario da ponte da Chanca e da chegada do Ferrocarril a Lugo”.