Lugo por Palestina súmase a varias plataformas galego-palestinas no envío dunha carta a cada un dos Deputados por Galicia no Congreso español dos partidos políticos do BNG, Sumar e PSdeG, esixindo que teñan en conta a defensa dos Dereitos Humanos en Palestina á hora de dar o apoio á posible investidura de Pedro Sánchez, “pasando das palabras ao compromiso de xeito vinculante”.
Ademais de Lugo por Palestina, as outras plataformas que se sumaron á firma desta carta foron a Asociación Galaico Árabe-Jenin, BDS Galiza, Galiza por Palestina, O Condado con Palestina, Pallasos en Rebeldía – Galicia e Verdegaia.
As reivindicacións que estas entidades fan aos deputados son o cese do fogo inmediato, a entrada masiva de axuda humanitaria, levar ao presidente de Israel e á súa cúpula política ante Corte penal Internacional para responder polos crimes de guerra, o fin da impunidade e cumprimento das diferentes resolución da ONU, a suspensión das relacións diplomáticas con Israel, establecer sancións económicas firmes, o cese da compra e venda de armas con Israel e suspender os acordos comerciais co país hebreo.
Tamén piden aos deputados que apoien a posta en marcha das ferramentas diplomáticas e non intervencionistas para acadar posibles vías de resolución do conflito, “traducíndose isto en non apoiar iniciativas militares, presionar políticamente os organismos nos que o estado español toma parte e o cese da represión e silenciación aos movementos cidadáns”.
“Unha vez resoltas estas cuestións de forma inminente, esiximos que se busque unha solución con carácter de urxencia que poña no centro o problema principal, que non é outro que a ocupación ilegal de Palestina por parte de Israel, xa que do contrario volveremos ao punto de partida. A poboación palestina ten dereito a decidir sobre a súa situación”, sinalan no seu escrito as plataformas asinantes.