A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña vén de amosar o seu apoio a todas as medidas reivindicativas e de loita que están a levar a cabo os traballadores da factoría Alcoa San Cibrao. Deste xeito, animan a toda a veciñanza da comarca a que acudan á concentración que mañá, mércores día 4, terá lugar na localidade de Foz ás 20 horas.
Dende a Plataforma lembran que a factoría mariñá dá emprego directo a preto dun milleiro de persoas e moitos máis empregos indirectos nas empresas auxiliares. Asemade, o colectivo na defensa da sanidade asegura que este peche podería repercutir no comercio local e mesmo na fixación de poboación na comarca.
“O peche da fábrica de aluminio levaría á comarca a unha crise económica, social e demográfica de proporcións desmesuradas e afectaría a todos os sectores económicos”, conclúen dende a Plataforma Sanitaria.